Móllate...

3ª Edición | 2018

Móllate! 2018

Terceira edición de móllate!

Este ano celébrase a terceira edición de Móllate!, levamos meses traballando con centros educativos da cidade mostrando a importancia dos mares nas nosas vidas e a necesidade da nosa implicación activa (de todos e todas) para a súa preservación, moi especialmente na nosa cidade, estreitamente conectada co mar. Despois da sensibilización sobre o impacto do lixo nos mares, chega a reflexión e a acción!: o alumnado xunto ao seu profesorado comezan a traballar, que podemos facer nós? Moito, de verdade.

Destes grupos de reflexión naceron as ideas propostas á Concellería de Medio Ambiente da Coruña para combater o impacto do lixo nas cidade durante o San Xoán: vídeos, accións de rúa, cuñas de radio, locucións na praia... Toda unha campaña de comunicación e activismo deseñada polo alumnado que neste mes de xuño se visibiliza por toda a cidade!

Accións MÓLLATE! 2018

Co apoio da Concellería de Medio Ambiente, as ideas, reflexións e accións vanse tornando realidade. Seguro que coñeces ou viches algunha das accións deste ano:

  • As lonas nas fachadas dos institutos
  • A balea do Obelisco chea do lixo que atopamos nas praias
  • O mobiliario urbán do Cantón e a base do Obelisco envoltos en plástico
  • As illas de lixo nos centros educativos
  • As cuñas na radio
  • O spot coas xogadoras do Deportivo da Coruña

TI TAMÉN PODES PARTICIPAR EN MÓLLATE!

Aínda que non sexas estudante nin profesor, ti tamén podes formar parte desta iniciativa! Pinta as ondas azuis na cara e súmate ao Comando Móllate! que está a cambiar o San Xoán na cidade. Emprega os hashtags #Móllate e #ComandoMóllate Todas e todos temos moito que aportar para conseguir un San Xoán limpo e sen lixo nas praias!! Descarga o folleto de Móllate! para coñecer as recomendacións ambientais a ter en conta cara San Xoán.

A furgo surfeira Móllate!vai movéndose pola cidade entre o 20 e o 22 de xuño, repartido información coas recomendacións ambientais e ofrecéndoche a oportunidade de informarte a fondo, facerte unha foto Móllate! e sumarte ao noso comando de defensa ambiental!

Podes seguir toda a información nas redes do Concello (www.facebook.com/corunasostible)

QUERES QUE O TEU CENTRO PARTICIPE O ANO QUE VEN?

É moi fácil, escribindo a medioambiente@coruna.es indicando os datos seguintes: nome e apelidos, e-mail de contacto, teléfono de contacto, nome do centro escolar, o nivel educativo do/s grupo/s e datas de preferencia para a celebración dos primeiros obradoiros impartidos pola equipa de educadoras e educadores de Móllate!

(*) Na selección dos centros feita por orde de inscrición, aplicaranse os seguintes criterios:

  • Darase prioridade aos centros públicos.
  • Prevalecerá o espallamento territorial.
  • Favorecerase a variedade na tipoloxía de ensinanzas (ESO, CIFP, Universidade, …).

COMO FUNCIONA MÓLLATE!?

Móllate! é unha acción educativa para a defensa dos océanos. É unha oportunidade para que o alumnado de Educación Secundaria (3º e 4º), Bacharelato e Ciclos Formativos se achegue dun xeito vivencial, crítico e lúdico á problemática global dos residuos nos océanos partindo do local, do que teñen máis preto, do que lles importa. Un xeito orixinal de repensar as nosas condutas individuais e colectivas e o xeito de nos relacionar coa contorna, deseñando respostas entre todos e todas que axuden a transformar en positivo ditas condutas, en especial ás nosas accións relacionadas coa Festa de San Xoán nas praias. Unha magnífica ocasión de favorecer o liderado creativo con impacto social e axudar a formar cidadanía que participa na mellora do lugar que habita.

COMO SE ESTRUTURA?

Primeira sesión no voso centro [100’]

Un/ha educador/a de Móllate! achégase ao centro para levar a cabo unha primeira toma de contacto co grupo. A importancia do mar nas nosas vidas, as problemáticas asociadas a el, ou as consecuencias dos residuos plásticos son algúns dos temas que abordamos, seguindo metodoloxías participativas e dinámicas.

Segunda sesión no voso centro [100’]

Volvemos ao instituto para a L.I.A.D.A. (Laboratorio de Ideas de Acción Directa e Animosa). Reflexionamos colectivamente sobre o que pasa nas praias na noite do San Xoán e facemos pequenos grupos de discusión para deseñar accións de sensibilización arredor desta problemática concreta. Realizables, críticas, apetecibles.

E despois?

Despois, ábrese un océano de posibilidades! Neses grupos xurdirán ideas que vos apetecerá levar a cabo directamente no centro ou na vosa contorna!

Nas edicións anteriores estas visitas ás aulas remataron cunhas estimulantes baterías de ideas para concienciar á cidadanía da necesidade dun San Xoán sustentable. De todas elas, varias convertéronse en realidade co apoio da Concellaría de Medio Ambiente, participando o propio alumnado no seu deseño e execución!


Coruña Sostible, Concello da Coruña