Móllate...

PROGRAMA DE EDUCACIÓN AMBIENTAL

ACCIÓNS EN 2019

No último ano leváronse a cabo máis de 10 accións para conseguir un San Xoán sustentable e limpo. Vídeos para difundir nas redes sociais, unha batucada no Paseo Marítimo cos Kilomeros de Montealto, a escultura dun peixe comeplásticos no Obelisco, a furgo surfeira que recorreu a cidade... É moito máis!!

descarga folleto

Que é?

Móllate! é un programa de educación ambiental desenvolto desde o ano 2016 para a defensa dos océanos que se basea na participación para a acción da mocidade que participa nel. Desde a súa posta en marcha, máis de 1.500 persoas participaron na sensibilización da importancia de deixar nas praias limpas cara San Xoán.

A través deste programa de educación ambiental o alumnado de Educación Secundaria (3º e 4º), Bacharelato e Ciclos Formativos participará dun xeito vivencial, crítico e lúdico no deseño e realización de accións de sensibilización que se desenvolverán sobre a problemática dos residuos nos océanos, e en especial coa Festa de San Xoán nas praias, o evento festivo da cidade con maior impacto ambiental.

Como se estrutura?

Primeira sesión no voso centro [100’]

Un/ha educador/a achégase ao centro para levar a cabo unha primeira toma de contacto co grupo. A importancia do mar nas nosas vidas, as problemáticas asociadas a el, ou as consecuencias dos residuos plásticos son algúns dos temas que abordamos, seguindo metodoloxías participativas e dinámicas.

Segunda sesión no voso centro [100’]

Volvemos ao instituto para a L.I.A.D.A. (Laboratorio de Ideas de Acción Directa e Animosa). Reflexionamos colectivamente sobre o que pasa nas praias na noite do San Xoán e facemos pequenos grupos de discusión para deseñar accións de sensibilización arredor desta problemática concreta. Realizables, críticas, apetecibles.

E despois?

Despois, ábrese un océano de posibilidades! Neses grupos xurdirán ideas que vos apetecerá levar a cabo directamente no centro, na vosa contorna e de cara ao San Xoán, de xeito que sirvan para concienciar á cidadanía da necesidade dunha festa sustentable. De entre a batería de ideas que xurdan nos grupos  escolleranse as máis viables e con maior impacto para converterse en realidade co apoio da Concellaría de Medio Ambiente, participando o propio alumnado no seu deseño e execución!

COMO SOLICITAR A INSCRICIÓN NO PROGRAMA?

Escribindo a medioambiente@coruna.es antes do 10 de abril indicando os datos seguintes:

  • Nome e apelidos.
  • E-mail de contacto.
  • Teléfono de contacto, nome do centro escolar.
  • Nivel educativo do/s grupo/s.
  • Datas de preferencia para a celebración dos obradoiros que deben estar realizados a finais de abril.
    O ideal é contar cun período de 1 semana entre o primeiro e o segundo obradoiro.

(*) Na selección dos centros feita por orde de inscrición, aplicaranse os seguintes criterios:

  • Darase prioridade aos centros públicos.
  • Prevalecerá o espallamento territorial.
  • Favorecerase a variedade na tipoloxía de ensinanzas (ESO, CIFP, Universidade, …).

Coruña Sostible, Concello da Coruña